viernes, 14 de noviembre de 2014

Relatos dun pescador afortunado: PRÓLOGO



                                                             PRÓLOGO


     Estes relatos son o resultado de escudriñar na miña memoria, onde gardo os recordos acumulados a través dos anos. Nunca antes escribira outra cousa que non fose un informe ou partes de incidencias por razón do meu cargo como policía portuario, por iso cando comecei este, para min, desafío, custoume arrancar. Comecei a escribir esta serie de relatos medio en serio, medio en broma, sen unha idea clara do que quería facer. Recordo escribir un par deles como proba, con máis escepticismo que fe, ao rematalos e relelos me asaltou a dúbida pois non me desgustaron, pero a pesar de todo desconfiaba que o meu xuízo fose parcial, así que decidín dalos a ler e pedir unha opinión neutral e sincera. Non me quería embarcar en algo que se traducise nun esforzo inútil e baldío. As persoas que os leron: un, o meu compañeiro Hernández (consumado e extraordinario pescador), outro, o meu bo amigo Benito (que nin lle gusta nin practicamente entende nada de pesca) e, por último, a bibliotecaria do porto, Bruna, á que teño que agradecerlle a corrección de todos e cada un dos relatos. Coincidiron os tres no xuízo de que lles parecían interesantes: Hernández comentoume que eran moi auténticos e realistas, que dalgún xeito se vía reflectido neles. Benito animoume dicíndome que eran entretidos, doados de ler e moi dixeribles. Bruna que, a pesar dalgunhas faltas de ortografía, eran publicables. Estas opinións foron o combustible que necesitaba para arrancar e predispoñer o meu estado de ánimo para continuar escribindo.

     Creo que despois de case dúas décadas practicando a pesca ao "spinning", acumulei unha serie de experiencias persoais que, a día de hoxe,  permitenme ter unha bagaxe suficiente que me dá o valor para enfrontarme á sempre difícil creación dun libro como este. Apoiándome niso remátoo coa satisfacción de crelo entretido, doado de ler e de entender, mesmo para aqueles que nunca se achegaron ao mar coa intención de pescar. Para aqueles aos que lles guste pescar, espero que lles sirva como un marco de referencia no que se mestura a esencia humana de cada relato coa asimilación de experiencias prácticas, para facilitar a comprensión de certos conceptos que axudan ao pescador a disipar dúbidas e a non perder o tempo en cábalas innecesarias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario