Mostrando entradas con la etiqueta galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta galego. Mostrar todas las entradas

jueves, 26 de febrero de 2015

Relatos dun pescador afortunado: O DETONANTE

                                                       O DETONANTE
                                                           Outubro 1986
   
 
      O mellor daquela noite foi o detonante de algo que me cativou e fixo posible un cambio radical no ocio e no emprego do meu tempo libre.  A partir de aí, empecei unha especie de aventura que me deu moitos días nos que me considerei un home afortunado por gozar e vivir momentos de privilexio, sensacións que co paso do tempo minguan en cantidade pero aumentan en intensidade. Avanzaba eu pola trintena, as miñas obrigas e responsabilidades condicionaban as miñas afeccións, a casualidade quixo que á pesca me enganchase. O detonante sucedeu a noite que sentín a maxia que revolucionou para sempre o pracer dos meus sentidos. Aquela noite máxica en min exerceu unha especie de enmeigo que me acompañaría para sempre. A partir de aí as experiencias arremuiñáronse na miña mente, pero grazas a un caderno onde as teño anotadas unha a unha, fíxenme cun compendio de datos que me permitiron ordenalas coas súas datas auténticas. Os feitos narrados son reais e en nada esaxerados, as miñas emocións e sentimentos transmítoos reflectíndoos coa efusividad que o meu carácter me dá.

      Retomando o principio daquela noite de outubro de 1986, era unha noite de sábado para domingo e esta facíase moi longa, pero aquela vez ía abastecido cunha cana de pescar que lle regalara ao meu fillo Germán e que el apenas utilizaba. Pedín consello ao meu compañeiro Hernández, nisto da pesca era, e segue sendo, un fenómeno ao que "había e hai que deixarlle comer nun prato á parte". Asesoroume, tomei nota fidedigna e detallada, abastecéndome do material axeitado para a experiencia. Recordo que esperei ata a unha da madrugada, hora en que aparquei o meu vello coche, un Renault 12 familiar, xunto á coroación do peirao nº 4 do Areal, armei a cana coa sedela, anzol e chumbada recomendados, e de cebo empreguei uns camaróns que tiña nun viveiro colgado dunha das defensas. Deixaba chegar o chumbo ao fondo e recollía dúas voltas de carrete, buscando no fondo as miñas posibles presas, pero non sucedeu nada, recollín dúas voltas máis, xa a uns tres metros do fondo e tampouco sucedeu nada, despois dun tempo de espera e non suceder nada, volvín recoller dúas voltas máis e como tampouco sucedía nada, desanimeime e optei por prender o mango da cana debaixo dunha das rodas do coche; sentei e púxenme a ler. Cando máis distraído estaba e daba por frustrada a miña experiencia, unha picada que dobraba con brío a punteira da cana púxome en tensión, agarrei a cana, e como tiraba a condenada, estiven un anaco a gozar -pois a sensación era agradable para min, imaxínome que non para o animal. Empecei a recoller non demasiado aprisa, ata que apareceu a flote unha fermosa robaliza izándoa ata a miña posición, onde nervioso solteina do anzol, depositándoa na bandexa do maleteiro, volvín prender outro camarón e deseguido lancei, deixando baixar o chumbo ata o fondo, recollendo a continuación seis voltas de carrete, para situarme á altura de onde sentira a picada, non me desprendín da cana e non tiven que esperar moito para sentir unha sutil picada, entón baixei a punteira da cana e esperei a sentir a estirada da sedela para cravar o anzol.

       Estiven así unha e outra vez, ata repetir a operación 23 veces. Cando me din conta eran xa as 5.30 da madrugada, vivía un sono que morría, pois xa facía un anaco que a voráxine rematara. Esta experiencia supuxo para min o enganche a unha afección que se estendería ao longo dos seguintes 20 anos, con tal dedicación e actividade que isto deu lugar á vivencia de centos de momentos que eu teño por estelares, ou sexa únicos e irrepetibles.













viernes, 16 de enero de 2015

Relatos dun pescador afortunado: A PESCA

                                                                    A PESCA


      A pesca, como práctica humana para conseguir proteínas para a súa alimentación, remóntase aos albores dos tempos. Os nosos antecesores, os cromañóns, e os nosos primos, os neandertales, deixáronnos vestixios que corroboran a importancia que a pesca e o marisqueo tiñan na súa alimentación.

      A eles, ao igual que a nós,  gustáballes pescar e, igual que algúns de nós,  practicábana, aínda que eles máis que por pracer era por necesidade. En aqueles tempos as robalizas, igual que todo o peixe en xeral, abundaban, o que fallaba era a tecnoloxía pero non o enxeño. A capacidade do intelecto daqueles homes para pensar e desenvolver ideas era a mesma que a nosa na actualidade, o paso das xeracións levou a acumular experiencias e coñecementos ata as xeracións actuais. Nós recollemos e desenvolvemos o que eles sementaron e sobrevivimos pola transmisión social da grande información acumulada. Só hai que poñerse na pel dos nosos antepasados para imaxinar como se amañában para capturar peixes para a súa, seguramente, pouco abundante e nada periódica alimentación. Xogaban coa vantaxe da abundancia do peixe, pero este era escorregadizo e pouco visible, así que agudizando o enxeño construían trampas aproveitando as subidas e baixadas das mareas e as revoltas naturais que, ao quedaren en seco, servían de eventuais pesqueiras que eles afondaban e ampliaban movendo pedras de certo tamaño, conseguindo que algúns peixes quedasen illados no seu interior. De cando en vez tiñan que reconstruilas porque a forza do mar  tiráballes as pedras que conformaban as pesqueiras. Nos esteiros dos ríos, como o Lagares ou o Miñor, colocaban aparellos trenzados coma se fose unha rede feitos con ramas, varas, vimbios, etc., para, aproveitando a baixada da marea, atrapar aos peixes que enmallaban nas súas trampas: muxos (lisas) sobre todo, e porque non, algunha robaliza.

     Por sorte, iso xa pasou e grazas aos medios dos que dispoñemos actualmente capturar un peixe para os pescadores deportivos é máis unha diversión que un traballo. Pero na nosa contra vai a presión que actualmente desenvolvemos sobre o medio e a natureza. O impacto está a ser tan grande que o que necesitou miles e miles de anos para ser unha fonte de recursos ao servizo da humanidade,  esgótase nuns decenios e xa só nos queda a algúns o consolo dos recordos; "calquera tempo pasado foi mellor", isto que parece un perogrullada non o é. O paso do tempo alambica as oportunidades de tal forma que só os máis pacientes poden revivir a contagotas aquelas experiencias tan gratificantes, pero para algúns románticos coma min segue pagando a pena. Estou a falar da pesca deportiva, pero o mesmo razoamento vale para a pesca extractiva en xeral.

     A partir desta reconsideración a cana combineina coa pluma (gózase dúas veces).

      Os que levamos máis dunha década visitando asiduamente o mar para practicar "spinning", sabemos que nunca hai dous días iguais e que as circunstancias cambian mesmo dun momento para outro. Os condicionantes son tantos e tan variados que cada día é unha aventura, a inseguridade do resultado final é unha caixa de sorpresas, a maioría dos días non son produtivos en capturas, pero algún destes se non vas obsesionado con pescar como sexa, producen tal ensimesmamento e integración coa práctica e coñecemento do lugar visitado, que ao final dás todo por bo e arraiga en ti a necesidade de volver unha e outra vez ata entender o cándo e cómo neste tipo de pesca. Cando consegues comprender ese cándo e ese cómo, as frustracións diminúen en consonancia coas satisfaccións, isto non quere dicir que vaias pescar sempre, pero si que vas gañar en confianza e, chegado a este punto, o premio non tarda en aparecer. Unha pescata sempre fai esquecer cen fracasos, o importante é aproveitar a oportunidade cando se presenta e non nos sorprenda mal armados. Da gloria ao fracaso non hai máis que un exceso de confianza, todos os nosos esforzos (nunca mellor dito) dependen dun fío. Tampouco hai que desesperar se algunha vez perdemos; se facemos as cousas ben, o balance sempre será positivo.

        Agora mesmo gozo con cada peixe que capturo infinitamente máis que antes, pois só pesco escollendo presas de certo tamaño; os espécimes inmaturos xa non causan en min ningunha emoción, e si a satisfacción de devolvelos á vida; xa cumprín con creces a miña cota, e aínda que a presión que eu exercín foi mínima proporcionalmente sobre o mar, eu tamén me sinto responsable en todas e cada unha das súas vertentes. Isto non quere dicir que renegue das miñas experiencias como pescador, pois nos momentos que exercín sen auto limitarme, non fun consciente do futuro de miseria que ás xeracións vindeiras lles deparará noso maltratado amigo, o mar.

jueves, 11 de diciembre de 2014

Relatos dun pescador afortunado: REPRODUCCION DA ROBALIZA

                                      REPRODUCCIÓN DA ROBALIZA


      Tradicionalmente, á robaliza víñaselle clasificando dentro da familia Serranidae (grupo hermafrodita). Pero era a única especie desta familia claramente gonocorista (animal que non pode cambiar de sexo). Ultimamente incluíaselle dentro da familia Moronidae, pertencente á clase Actinopterigia, orde Persiformes, xénero Dicentrarchus e especie Labrax.

        A vivencia de experiencias in situ, pescando robalizas de todos os tamaños a través das diferentes estacións do ano ao longo de máis de dúas décadas e a observación, grazas á posición privilexiada polo desempeño do meu labor profesional como policía portuario no porto pesqueiro do Berbés, controlando as descargas de peixe en lonxa dos arrastreiros, trasmalleros e palangreiros de litoral, o cambio de impresións cos patróns das embarcacións que me indicaban zonas e profundidades onde se producían as capturas de robalizas; exercer este control a través de varios anos deume parte das claves para desentrañar de modo empírico os costumes e o porqué do comportamento reprodutivo destas. Comportamento que vén sendo un ciclo repetitivo e regular dende miles de anos atrás. Todo é previsible dentro dunhas marxes, pois os feitos non se producen por automatismo, senón por condicionantes.

        Cando comeza o inverno as robalizas femias xa adultas están listas para procrear, entón empeza o cortexo e varios machos acosan a cada unha das femias seguíndoas incansables, ata que esta sente a necesidade de desprazarse á zona de desova, situada en augas profundas entre 80 e 120 metros. Nesa época é cando os barcos de pesca dedicados ao arrastre e os trasmalleros de profundidade, capturan, un ano si e outro tamén, especímenes femias preñadas de ovas, non rexistrándose capturas de robalizas neses fondos con anterioridade e posterioridade a ese período, proba fidedigna de onde desovan. Van por ondadas, non todas as femias senten a necesidade de desovar ao mesmo tempo, pero cando esa necesidade é perentoria acoden con presteza acompañadas polos machos, que ao mesmo tempo que as femias desovan os ovos fecundan estes co seu esperma. Cada femia expulsa da orde de 500.000 ovos que, unha vez fecundados, aos tres días eclosionan, convértense en larvas que remontan ata a superficie e flotan. As especies que habitan estas zonas non adoitan incluír na súa dieta ás diminutas larvas, aumentando así as súas posibilidades de supervivencia, algo que non acontecería nas zonas superficiais da costa onde abundan especies que as depredarían. Desenvólvense con rapidez, 46 días despois, as pequenas robalizas; ao alcanzar uns catro cm revístense de escamas, adquirindo a figura de adultos e deixándose arrastrar por correntes procedentes do outro lado do Atlántico que, por esas datas, pasan polas súas zonas de desova, trasládanse a esteiros e zonas de augas tranquilas, onde se alimentan ata crecer o suficiente, uns 250 gramos, abandonando estas zonas para trasladarse ao seu verdadeiro hábitat onde desenvolvesen a súa vida.

        En canto as robalizas rematan o proceso de desova, regresan escuálidas e famentas ás augas próximas á costa onde se alimentan ata recuperar o seu peso normal. Por iso ás veces, sobre todo no mes de marzo, captúranse grandes femias "chupadas" inservibles para comer. A ignorancia fai que ás veces algúns pescadores sacrifiquen inutilmente uns animais que son moi necesarios para continuar a reprodución desta especie cada vez máis escasa.