Mostrando entradas con la etiqueta consejos pesca lubina. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta consejos pesca lubina. Mostrar todas las entradas

viernes, 16 de septiembre de 2016

Relatos dun pescador afortunado: Á CONTRALUZ.

                                                                  Á CONTRALUZ
                                                                       19-10-1994

     Naquel mesmo mes de outubro, uns días antes, vivira unha experiencia que xa relatei en VORÁXINE  EN SAIÁNS. Continuei pescando con asiduidade, aproveitaba os días libres que por traballar en festivo me correspondían dedicándoos á miña afección favorita. Pero xa non era igual, conseguía como moito, media ducia de pezas, e os días en que o mar se serenaba, non sinalaba peixe ningún.

    Esa mañá, transcorridas dúas semanas dende as 23 robalizas de Saiáns, o mar estaba crecido. As ondas que formaba o mar de fondo levantábanse adquirindo unha altura suficiente para apreciar á contraluz a figura do que parecían brualles (lisas), que nadaban en paralelo a estas. Chamoume a atención a grande cantidade de peixes que se adiviñaban con axuda da luz do sol a través das ondas. Eran xa preto das once da mañá e atopábame na praia de Patos en Nigrán. Viña de Monteferro onde non sinalara peixe ningún, polo que decidín parar na praia ao ver un mar especialmente atractivo para a pesca. As ondas grandes, pero non en exceso, rompían monotonamente compasadas. O mar de fondo removía pequenas pedras que resoaban no medio do estrondo das ondas, que ao romper sobre a praia revolvían o fondo areento enturbando as augas que parecían ferver. Un manto branco de auga moi osixenada estendíase con profusión ao longo de toda a praia; ao ancho tiña un percorrido de ata cincuenta metros. O vadeador de neopreno permitíame avanzar ata o centro da franxa, a auga por veces chegábame ata a cintura. O ruído compasado, unha especie de ronquido burbullante, relaxábate e desconectaba de toda cousa que non fose a acción de pesca.

      Coa cana en alto e armado cunha “cucharita” Toby de 25 gramos, que relucía co reflexo dos raios do sol, dispúxenme a lanzar por detrás de onde as ondas empezaban a levantar. Cando estas chegaban á súa plenitude custábame superalas, por iso esperaba á súa caída para lanzar e así aproveitar que o arranque da “cucharita” coincidise co arranque da seguinte onda. As siluetas do que eu cría brualles (lisas), deixábanse ver a contraluz.

      Lanzaba con toda a potencia que podía e esperaba que o reclamo chegase ao fondo, pois ao ser areento non había perigo de enganche. Esperaba ao arranque e levante da onda para recoller. Facíao con rapidez, saíndo a “cucharita”disparada do fondo entre a area, simulando a fuxida dun birlo (lanzón), peixe de sinuosa figura que pasa a maioría do tempo enterrado e que, cando o mar rompe na area, o obriga a saír culebreando, sendo un manxar exquisito para as robalizas. Cando “cucharita” se atopaba no medio da onda, onde nadaban en paralelo á costa o que eu pensaba que eran muxos, sentín a primeira picada. Por suposto non era un muxo, xa que estes non atacan reclamos artificiais e menos en movemento, non por que sexan máis listos que as robalizas, senón pola súa incapacidade para tragalos. Efectivamente era unha fermosa robaliza de case un quilo, unha robaliza de porción como dicimos entre nós. Loitaba facéndome fronte con bravura, intentando zafarse do anzol que mordera, pero pronto acabou por entregarse. Grazas a unha bolsa de rede que levaba colgada ás miñas costas, puiden ir acumulando unha detrás doutra, ata que foron espazándose as picadas e as súas figuras ían desaparecendo do nervio central das ondas, era gratificante pescar daquel xeito, sentir o frescor da auga rodeándote e salpicándote, a presión da auga abrazándoche as pernas. Pero o que máis a gusto facíame estar, era o ronquido ronroneante compasado da auga, que ao estenderse burbullaba ata a beira. Ademais a paisaxe nun día tan claro era espectacular, á miña esquerda Monteferro, rodeado de baixos de pedra onde o mar escintilaba, de fronte o espectáculo das ondas deixando ver ao seu través as Illas Cíes e a costa do Morrazo, á miña dereita a Praia de Patos, que se estendía cara ao interior da ría, ás miñas costas a praia de area finísima e máis arriba os montes de Saiáns, formados por frondosos piñeirais. Non se podía pedir máis, era como estar no paraíso, tanta beleza xunta parecía danar a vista.

   Pasadas xa as doce, o peixe deixou de dar sinais de vida, pouco a pouco foi apagándose a actividade, nin se sentían nin se deixaban ver a contraluz. Comprendín que era o momento de deixalo, sentíame satisfeito pero canso. Retireime coa rede case completa de robalizas, levaba unha decena de pezas e a satisfacción de vivir un momento único, case máxico ¡ Que máis se podía pedir, continuaba sendo un pescador afortunado!






martes, 17 de mayo de 2016

Relatos dun pescador afortunado: VORÁXINE EN SAIÁNS

                                                       VORÁXINE EN SAIÁNS
                                                                   12-10-1994
   
     Aquel mes de Outubro dispoñía dunha semana de vacacións e ese día madruguei coa esperanza de pescar algunha robaliza. Aínda era noite cando cheguei a BaIona, encamiñeime pola estrada da costa que leva ata a A Guarda, o mar rompía con violencia contra as rochas, non estaba mal pero o seu estado limitaba as opcións de pesca, así que me dirixín cara á enseada situada á dereita de Punta Sentinela, pois era a opción máis razoable xunto a dúas pequenas enseadas de Santa María de Oia. Empezaba a amencer cando cheguei á primeira postura, o mar traballaba un punto por enriba do ideal pero tomando precaucións podíase intentar. Baixei o pequeno acantilado que me abrigaba do sur, aínda que aquel día o tempo era estable e soleado, fun alí porque o mar perdía parte da súa forza e me ofrecía certa seguridade. Traballei a zona con diversos reclamos, pero non sinalei peixe ningún, así que continuei coa visita a Santa María de Oia e o único que tiña despois de dúas horas era un completo e desolador capote e optei por deixalo.


    Cando viña de regreso coa intención de volver para casa, observei dende a antiga estrada do tranvía á altura de Saiáns, como o mar traballaba dunha forma interesante, así que decidín baixar ata a praia máis que nada por matar o tempo, non tiña nada mellor que facer. Efectivamente, cando cheguei as condicións non eran malas: a praia estaba limpa de algas, a marea levaba baixando catro horas, o mar rompía resoando con forza e a auga tiña certa turbidez. Pero o que mais chamoume a atención foi que no centro da praia se formaba un grande remuíño que revolvía o fondo areento, recordándome experiencias pasadas na Costa da Vela (Donón), onde no mes de agosto dese mesmo ano nun remuíño similar tivera un día inesquecible coa pesca de 17 robalizas. Así que, me dispuxen a probar aproveitando a oportunidade para experimentar cun tipo de cucharita que ata aí nunca utilizara e que me recomendara o dono da armaría Atlántica, Tonino para os amigos, tamén pescador e mellor persoa, insistiume ata convencerme para que levase e probase un tipo de “cucharita” que, segundo el, era moi pescadora e que estaba a causar furor no mediterráneo. Era a Toby de 25 gramos, que en prezo case triplicaba á Evy de 28 gramos, sendo esta última a mais requirida polo seu competitivo prezo. Fíxenlle caso e conseguín un par delas. Así que montei a cana coa “cucharita” recomendada e me dispuxen a probala.

   
      Lancei por enriba do remuíño, ao que superaba con facilidade, recordando a táctica de Donón, deixábaa chegar ao fondo e arrastrábaa uns metros ao principio, apurándoa a continuación para traela a medias augas, procuraba arrancar con forza ao pasar polo centro do remuíño, e xa no primeiro lance, pouco despois de superalo, sentín a primeira picada, forte e seca pero non moi potente, pero si o suficiente para ofrecer certa resistencia. Cando conseguín arrimala observei que non viña soa, un grupo acompañábaa case ata a beira. Tiña comigo unha bolsa feita con rede de pesca, mentres introducía nela ao animal xa pensaba en que probablemente ía repetir a operación mais dunha vez, lancei de novo cara ao remuíño, ao saír del repetiuse a picada, e así unha e outra vez ata oito veces, pezas todas elas de entre 600 e 800 gramos de peso, facíaseme tarde e como xa había un tempo que non sentía picada ningunha, decidín irme á casa  comer.
   
   
     Despois de comer volvín ansioso a Saiáns. O mar estaba a subir e sopraba unha lixeira brisa, o remuíño practicamente desaparecera. Montei a cana e dispúxenme a reiniciar a "pesca" da mañá, pero despois de intentalo numerosas veces ao longo da praia, cheguei á conclusión de que o peixe xa non estaba alí. Había que buscalo. Primeiro despraceime a unhas rochas á miña esquerda e despois de traballar esa zona tampouco as atopei, entón atravesei a praia e busqueinas á dereita onde hai unha pequena enseada, postura coñecida por un monolito de pedra que marca un pequeno miradoiro. Situeime sobre unha rocha, que con mar e a marea alta a resaca molla, aquel día o mar por veces salpicaba, acomodeime na pedra e comecei a lanzar á fronte onde o fondo é areento, deixaba chegar a “cucharita” ata o leito de area para arrastrala uns metros ata que esta subía por inercia, non tardei moito e sentir a primeira picada, era unha robaliza similar en tamaño ás da mañá, volvín lanzar unha e outra vez co mesmo resultado, xa perdera a conta das capturadas, era tal a voráxine que cando se me soltaba unha ao arrastrala, viña outra e atacaba a “cucharita”, comían cunha avidez desaforada. A mancha de peixe, a medida que ía pescando robalizas, víñase achegando á terra. Era espectacular, había centos, ¡ que digo!, miles de robalizas e non esaxero, a que custa crelo, pero foi tan certo como que algún día teño que morrer. Ao lanzar e capturar peixe unha e outra vez, o esforzo ao que estaba a someter o carrete era moi grande e este, que xa estaba algo tocado polo uso, resentiuse avariándose; aínda que o carrete recollía, cando a forza dunha robaliza lle facía fronte este se atoraba e non ía. Non levaba outro de reposto, así que continuei pescando con el e cando tiña un peixe cravado, literalmente arrastrábao levantando a punteira da cana cara a arriba e atrás, ao afrouxar o carrete recollía a sedela que arrastrara, era esgotador, comprendín que así non podía seguir, acabei perdendo unha hora de pesca que era o que faltaba para o anoitecer. Recollín o peixe que tiña ciscado ás miñas costas por varios ocos da rocha, 23 pezas en total, que sumaban uns quince quilos, non estaba mal, pena de carrete avariado, seguramente pasase das trinta. A partir desta experiencia procurei sempre, ao ir pescar, levar comigo un equipo de reposto, pois non era cuestión de perder as oportunidades que como contagotas a fortuna poñía no teu camiño.

jueves, 23 de julio de 2015

Relatos dun pescador afortunado: EXPERIMENTANDO

                                                         EXPERIMENTANDO
                                                                     1989

                                                                   

     A finais dos anos oitenta do século pasado, despois da miña primeira experiencia en outubro de 1986, continuei pescando nos peiraos con camarón vivo. Non se me daba mal aquel tipo de pesca, dende a miña primeira experiencia ata o verán de 1990, practicamente empregaba boa parte do meu tempo libre pescando nos peiraos, coa excepción das vacacións e algunha que outra visita á costa de Cabo Estai, onde tamén nalgunha ocasión pesquei con camarón vivo e boia. Por aquela época empezaba a pasar as vacacións de verán acampado en Cabo Home, onde pescaba a fondo, aínda non se me ocorrera practicar o "vareo" (spinning). As poucas robalizas que capturaba recordo pescalas a fondo con lura como cebo e excepcionalmente algunha pequena con bicho, o habitual con este cebo era pescar bogas, muxos, castañetas bravas e algún pinto ou maragota.

     As miñas mellores experiencias seguían sendo no peirao pescando con camarón vivo, deste xeito acumulei centos de experiencias onde pescaba robalizas dun tamaño menor, aínda que algunhas, as maiores, superaban por pouco o quilo. Todo isto me serviu para ir facéndome como pescador e comprender pouco a pouco o cando, o como, e o porqué tan importante neste tipo de pesca tan selectiva.

     Teño unha escena gravada na miña memoria que non se me esquecerá nunca. Unha tarde de verán, o sol iluminaba dándolle unha claridade inmaculada ao día, eu atopábame pescando en Bouzas empregando como cebo camarón vivo, ía percorrendo os diversos peiraos e fondeadoiros en busca dalgunha robaliza que levar ao cesto, nunha esquina dun dos fondeadoiros interiores o sol penetraba a través da auga, iluminando unha zona que facía contraste coa sombra que proxectaba unha embarcación que estaba alí atracada. A marea estaba baixa e o sol iluminaba con meridiana claridade mesmo o fondo, onde para a miña sorpresa vi como un grupo de robalizas se mantiñan case inertes na zona soleada. Eu situeime de tal forma que o sol me daba de fronte e a miña sombra se proxectaba cara ao peirao, procurando pasar desapercibido. Con sumo coidado afundín a liña da que pendía un camarón vivo e fun achegándoo á zona onde as robalizas permanecían indiferentes a todo o que as rodeaba. A chegada do camarón parecía, para o meu desespero, non enturbar o comportamento indiferente do grupo, pero, de súpeto, unha das robalizas, a máis pequena do grupo, achegouse ao camarón, este movíase con desespero, e cando parecía que o ía comer, golpeouno co corpo como apartándoo e seguiu merodeando pola zona ignorando tan exquisito manxar. Eu, sorprendido por esta forma de actuar, non fixen nada e quedei moi quieto observando aquel comportamento que eu acusaba cando menos de estraño pero interesante, pacientemente esperaba a que aqueles animais reaccionasen da forma en que eu consideraba máis racional, que era que acabasen por comer o camarón ou que pola contra se afastasen, pero nin unha cousa nin a outra sucedeu. Alí continuaban indiferentes a todo, mesmo cheguei a sospeitar que a pesar da miña coidadosa posta en escena, eran conscientes da miña presenza. Pasado un tempo, na lámina de auga, algúns pequenos obxectos que por alí flotaban, empezaron pouco a pouco a moverse e a trasladarse, empezaba a subir a marea con forza e o grupo de robalizas comezaron tamén pouco a pouco a merodear en busca de alimento, unha delas, a máis grande, foi directamente a polo camarón ao que golpeou co seu corpo e deseguido embocou pola cola tragándoo. Rapidamente ao sentir como tiraba da liña, levantei a cana, pois ela mesma se cravara. O grupo, ao ver que esta subía, seguírona ata que, desconcertadas,  virona desaparecer. Volvín encarnar outro camarón e repetiuse a mesma forma de proceder, pero o curioso é que empezaron a aparecer máis robalizas, penso que atraídas pola actividade das que comían uns camaróns que botaba para entretelas e non se fosen. Empezaba a ser consciente de que estaba testemuñando algo moi peculiar e difícil de ver con aquela claridade. Levaba capturado preto dunha decena de pezas cando a última, ao tirar e recoller para subila, a medio camiño soltouse, o animal dorido e desconcertado fuxiu rapidamente do lugar, levando consigo ao resto que seguían o ronsel descontrolado do animal ferido. Se se ten o peixe ao alcance e encelado co teu reclamo, é letal que se che solte unha, porque na súa fuxida arrastrará ás demais, sendo mellor abandonar a zona e buscar outra o máis afastado posible, a non ser que haxa tal número delas, que a confusión non alcance a todo o grupo. Se isto algunha vez nos sucede hai que pensar que estamos ante un cardume de extraordinarias proporcións. Algo que ao longo dunha vida pescando sucede en contadas ocasións (ver Vórtice en Saiáns).

     Sempre ata aquí pescara con cebo natural, nunca experimentara con artificiais, pois naquel tempo eu era un descrido, non concibía que un peixe podía ser enganado por algo non comestible, e ademais inerte ao que había que dalo vida, consideraba que aquilo era algo moi difícil de lograr. Ata que un día fun testemuña de algo que revolucionou o meu xeito de pescar. Observei por casualidade como un novo pescador dende unha embarcación cunha cana lanzaba e recollía continuamente un reclamo que eu non alcanzaba a ver con claridade. Sabía do uso de artificiais como "cucharitas" e "rapalas" en ríos e na rompente da costa de mar aberto, pero nunca vira ata alí facelo en augas interiores e tranquilas dos peiraos. Fixei a miña atención nel e vi como levantaba un peixe que me pareceu unha robaliza e non tardando moito levanto outra e outra, continuando sucesivamente con aquel ritual que a min estaba a romper todos os esquemas, facendo que me reformulase o meu xeito de pescar. Creo que o pescador non foi consciente de que lle estaba a observar, pouco a pouco se foi achegando ao peirao e alcancei a distinguir o reclamo que empregaba, era un pequeno rapala que manexaba con mestría: lanzaba e ao contactar o reclamo coa auga non recollía de inmediato, senón que deixando a sedela en banda deixaba que este se afundise uns metros para empezar a recoller, cousa que facía con paradas intermitentes e pequenos cambios de dirección coa punteira da cana. O que acababa de ver deixoume asombrado e cheo de curiosidade por experimentar aquela forma de pesca. Así que me dirixín a unha armaría onde conseguín varios "rapalas" que alí me recomendaron. Recordo que vi un folleto de propaganda da casa "rapala", onde facía unhas recomendacións sobre cores a empregar, aquilo chamou poderosamente a miña atención, pois ata alí sempre pensara que os peixes non distinguían cores, senón que o máximo que distinguían eran distintas tonalidades. Elixín uns peixiños de nove centímetros afundibles de tres cores diferentes: un gris (cor orixinal) o máis aproximado á cor real, outro azul pálido e, finalmente, un coa barriga laranxa coñecido por especial, este último era o que con máis reticencia levei polo seu aspecto pouco natural. Pero habería de ser este último co que me estrearía cunha pescata memorable unha tarde en Bouzas, onde practicamente sen fallar lance conseguín pescar máis de trinta robalizas, o que de verdade me enganchase definitivamente a este tipo de pesca. A partir de aí o "Countdouwn especial" de 9 centímetros nos peiraos e máis tarde o de 11 cm na costa ofrecéronme xornadas inesquecibles de pesca. Durante uns anos idealicei de tal forma este artificial que practicamente esquecín e descartei definitivamente o emprego de cebo natural para pescar. Resultaba moi cómodo e limpo, ofrecéndoche máis liberdade de movemento e pouco a pouco funme afastando dos peiraos, empezando a visitar asiduamente a costa, menos prolífica pero máis satisfactoria. A natureza salvaxe do mar aberto exerceu sobre min un atractivo que me cativou para sempre.

jueves, 26 de febrero de 2015

Relatos dun pescador afortunado: O DETONANTE

                                                       O DETONANTE
                                                           Outubro 1986
   
 
      O mellor daquela noite foi o detonante de algo que me cativou e fixo posible un cambio radical no ocio e no emprego do meu tempo libre.  A partir de aí, empecei unha especie de aventura que me deu moitos días nos que me considerei un home afortunado por gozar e vivir momentos de privilexio, sensacións que co paso do tempo minguan en cantidade pero aumentan en intensidade. Avanzaba eu pola trintena, as miñas obrigas e responsabilidades condicionaban as miñas afeccións, a casualidade quixo que á pesca me enganchase. O detonante sucedeu a noite que sentín a maxia que revolucionou para sempre o pracer dos meus sentidos. Aquela noite máxica en min exerceu unha especie de enmeigo que me acompañaría para sempre. A partir de aí as experiencias arremuiñáronse na miña mente, pero grazas a un caderno onde as teño anotadas unha a unha, fíxenme cun compendio de datos que me permitiron ordenalas coas súas datas auténticas. Os feitos narrados son reais e en nada esaxerados, as miñas emocións e sentimentos transmítoos reflectíndoos coa efusividad que o meu carácter me dá.

      Retomando o principio daquela noite de outubro de 1986, era unha noite de sábado para domingo e esta facíase moi longa, pero aquela vez ía abastecido cunha cana de pescar que lle regalara ao meu fillo Germán e que el apenas utilizaba. Pedín consello ao meu compañeiro Hernández, nisto da pesca era, e segue sendo, un fenómeno ao que "había e hai que deixarlle comer nun prato á parte". Asesoroume, tomei nota fidedigna e detallada, abastecéndome do material axeitado para a experiencia. Recordo que esperei ata a unha da madrugada, hora en que aparquei o meu vello coche, un Renault 12 familiar, xunto á coroación do peirao nº 4 do Areal, armei a cana coa sedela, anzol e chumbada recomendados, e de cebo empreguei uns camaróns que tiña nun viveiro colgado dunha das defensas. Deixaba chegar o chumbo ao fondo e recollía dúas voltas de carrete, buscando no fondo as miñas posibles presas, pero non sucedeu nada, recollín dúas voltas máis, xa a uns tres metros do fondo e tampouco sucedeu nada, despois dun tempo de espera e non suceder nada, volvín recoller dúas voltas máis e como tampouco sucedía nada, desanimeime e optei por prender o mango da cana debaixo dunha das rodas do coche; sentei e púxenme a ler. Cando máis distraído estaba e daba por frustrada a miña experiencia, unha picada que dobraba con brío a punteira da cana púxome en tensión, agarrei a cana, e como tiraba a condenada, estiven un anaco a gozar -pois a sensación era agradable para min, imaxínome que non para o animal. Empecei a recoller non demasiado aprisa, ata que apareceu a flote unha fermosa robaliza izándoa ata a miña posición, onde nervioso solteina do anzol, depositándoa na bandexa do maleteiro, volvín prender outro camarón e deseguido lancei, deixando baixar o chumbo ata o fondo, recollendo a continuación seis voltas de carrete, para situarme á altura de onde sentira a picada, non me desprendín da cana e non tiven que esperar moito para sentir unha sutil picada, entón baixei a punteira da cana e esperei a sentir a estirada da sedela para cravar o anzol.

       Estiven así unha e outra vez, ata repetir a operación 23 veces. Cando me din conta eran xa as 5.30 da madrugada, vivía un sono que morría, pois xa facía un anaco que a voráxine rematara. Esta experiencia supuxo para min o enganche a unha afección que se estendería ao longo dos seguintes 20 anos, con tal dedicación e actividade que isto deu lugar á vivencia de centos de momentos que eu teño por estelares, ou sexa únicos e irrepetibles.